AIRIÑOS DE FENE

http://airinosdefene.es/ga/

 A Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene” nace no ano 1987. Dende os seus inicios a nosa Banda tiña e ten como obxectivo primordial a recuperación, transmisión e difusión da nosa música tradicional, usando sempre instrumentos tradicionais.

Ademais da Banda de Gaitas, Airiños de Fene conta cun Grupo de Baile “Cambadela”, dous grupos de Cantareiras “Xerfa” e «Xirifeiras» e un coro de voces mixtas “TradiCoro”. As distintas seccións de Airiños de Fene están dirixidas por Miguel Doval, Chus Niebla e Gisela Sanmartín.

A primeira actuación da Banda de Gaitas “Airiños de Fene” celebrouse no Concello de Fene, no ano 1.988, para conmemorar o día das Letras Galegas. Esta actuación marca o punto de partida para unha Banda comprometida coa realidade cultural do noso País.

Dende a súa fundación, “Airiños de Fene”, organiza tódolos anos unha Xuntanza de Gaiteiros onde os distintos grupos, bandas ou músicos dan a coñecer, o mellor do seu repertorio, así como o intercambio de proxectos e ideas para potenciar as nosas tradicións e darlle pulo ó uso dos nosos instrumentos tradicionais. Aproveitamos a celebración da Xuntanza para realizar unha homenaxe a algunha persoa, grupo, ou entidade que se caracterizara por gardar, recoller, recuperar e dar a coñecer a nosa tradición. A información deste evento podedes vela no apartado “Xuntanza de Gaiteiros”

A nosa historia podemos dividila en dúas grandes etapas:

A que comprende os anos 1988 a1995 nos que “Airiños de Fene”  dedícase a recuperar, aprender e ensaiar distintas pezas da nosa música, e actuar por diversos lugares, case todos na provincia de A Coruña.

A que vai dende o ano 1996 ata hoxe. Nesta etapa “Airiños de Fene” convértese nunha das mellores bandas de gaitas tradicionais de Galicia, actuando en diversos puntos de Galicia, Asturias, Euskadi, Portugal, Cataluña, Castela e León e Francia.

No ano 1996 participamos na gravación dun CD promovido polo Concello de Fene co nome de “Vira-lo vento”. Neste mesmo ano nos clasificamos para a final do II Certame de Bandas de Música, Corais e Gaitas organizado pola Xunta de Galicia e a Compañía de Radio e Televisión de Galicia, programa coñecido polo nome de “Con música propia”. A final deste Certame celebrouse cun programa en directo da TVG dende Ourense coa participación das mellores agrupacións de Galicia, sendo “Airiños de Fene” a gañadora no apartado de Bandas Tradicionais. Tamén participamos no programa da TVE “Desde Galicia para o mundo”

No ano 1997 volvemos a repetir o éxito conseguido o ano anterior, esta vez quedando clasificados en primeiro lugar no Certame de Bandas de Gaitas Tradicionais celebrado en Betanzos.

No 1998 participamos nos actos de inauguración da Expo-98 de Lisboa (Portugal), no Festival de Pardiñas e no festival “Gala especial do 25 de xullo” organizado pola TVG en Compostela.

No ano 1999 fomos convidados para a recepción da Regata Internacional de Veleiros “Xacobeo 99” e a clausura da XXXVII Feria Internacional de Muestras del Noroeste”. Tamén fomos convidados para participar no XXIX Festival Interceltico de Lorient e na despedida do milenio en Sines (Portugal).

No ano 2000 fixemos unha pequena xira polo País Basco con actuacións en Bermeo, Gernika, Sestao e dúas actuacións na Semana Grande das festas de Bilbao.

No ano 2001 participamos no XVIII Festival “Folk Segovia” e no XXXI Festival Interceltico de Lorient.

No ano 2002 editamos o noso primeiro e único traballo discográfico. Este primeiro traballo co nome “Identidade” foi gravado nos estudios Cormorán grazas o apoio e colaboración do grupo “Milladoiro”. Participamos na XXII edición do FIMPT (Festival Internacional de Música Popular Tradicional) en Vilanova i la Geltrú e na XIX Festa da Carballeira (Zas).

No ano 2003 estreamos o espectáculo Identidade, o cal, como o seu nome indica, tenta mostrar a nosa identidade cultural. Identidade, cunha duración de case 90 minutos, é unha visión de distintos estilos e tipos de bailes, cantos e música tradicional galega. Este proxecto implicou a participación de máis de 30 persoas cun amplo despregue de traxes e instrumentos musicais tradicionais. Con este espectáculo realizamos un número importante de actuacións en Galicia e Portugal. Participamos no Festival Castillo de L´ainsa (Huesca) e no VII Festival Intercelticu de Avilés.

Os anos 2004 e 2005 os dedicamos a representar o noso espectáculo “Identidade” por numerosos concellos de Galicia así como en localidades como Melgaço, Maia e Terra de Douro (Portugal) e Toral de los Vados (León).

No comezo do curso do ano 2006 prodúcese un cambio importante na composición da nosa Banda. Por circunstancias laborais e de estudio un grupo importante de compoñentes ten que abandonar.  Por este motivo tivemos que deixar un pouco o tema de actuacións e dedicar todo o tempo a preparar aos novos/as compoñentes (que xa formaban parte da nosa entidade).

O traballo de preparar e incorporar a novos/as compoñentes comeza a dar o seus froitos e no ano 2008 podemos dicir que “Airiños de Fene” volve polos seus cauces orixinarios e comezamos a retomar as actuacións polo noso País.

O ano 2009 participamos no XXXIX Festival Interceltico de Lorient, que nesta edición estaba dedicado a Galicia. Con esta son 3 as veces que participamos neste magnifico e extraordinario festival. Tamén realizamos un número importante de actuacións en distintos concellos de Galicia.

No ano 2010 participamos no XIV Festival Intercelticu de Avilés e no XIX premio IAR.

 

Os anos 2011 a 2013 os dedicamos a preparar novos/as compoñentes e temas e centrar as nosas actuacións a Galicia. Isto foi debido a que por circunstancias laborais, persoais e de estudo non podíamos aceptar actuacións que significaran estar máis dun día fora.

No ano 2014 participamos no Festival Internacional de Música e Folclore  (A Caridá – Asturias) e no XVIII Festival Intercelticu de Avilés.

No ano 2015 fomos convidados para participar no XIX Festival Interceltico d´Occidente (Tapia de Casariego) e nas VII Jornadas Célticas del Oriente de Asturias con actuacións en Cangas de Onis, Ribadesella, Llanes e Arena de Cabrales.

 

Moitas son as actuacións realizadas por Airiños de Fene, entre elas podemos destacar:

 

Festival de Antoes (Barcelos – Portugal), Festival Internacional de Folclore de Matoshinos (Portugal), Festival Irmandiño (A Coruña), Festival Intercéltico de Occidente (Tapia de Casariego – Asturias), XIV Festa da Carballeira 1997 (Zas – A Coruña), Festas de San Joao (Braga – Portugal), Festival Internacional de Pombal (Figueira da Foz – Portugal), XIX Festival de Pardiñas 1998 (Guitiriz – Lugo), 29 Festival Intercéltico de Lorient 1999 (Bretaña), Festival Fin do Milenio en Sines (Portugal), Semana Grande das Festas de Bilbao 2000, XVIII Festival Folk Segovia 2001, 31 Festival Intercéltico de Lorient 2001 (Bretaña), VIII Festival de Bandas de Gaitas – Encina 2001 (Ponferrada – León), XXII edición del FIMPT (Festival Internacional de Música Popular Tradicional 2002 en Vilanova i la Geltrú – Barcelona), XIX Festa da Carballeira 2002 (Zas – A Coruña), Festival Celta L’ainsa 2003 (Ainsa – Huesca), VII Festival Intercelticu de Avilés 2003 (Avilés – Asturias), Festra da Cultura 2004 (Melgaço – Portugal), I Feira da Artesania 2005 (Maia – Portugal), V Festival de Gaitas 2006 (Toral de los Vados – León), 39 Festival Intercéltico de Lorient 2009 (Bretaña), XIV Festival Intercelticu de Avilés 2010 (Avilés – Asturias), XIX edición Premio Iar (A Coruña), XVIII Festival Intercelticu de Avilés 2014 (Avilés – Asturias), Festival Internacional de Música y Folclore 2014 (A Caridá – Asturias), XIX Festival Interceltico de o´Ccidente 2015 (Tapia de Casariego – Asturias), VII Jornadas Célticas del Oriente Asturiano 2015 con actuaciones en Cangas de Onis, Ribadesella, Llanes e Arena de Cabrales e en lugares como Porto, Bermeo, Gernika, Sestao, Lisboa, Gerês, Melgaço etc.